miércoles, 22 de marzo de 2017

Tema 7.2 "Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española"

Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española: a) A poboación rural, b) As explotacións agrarias, c) Técnicas e sistemas agrarios, d) Estrutura gandeira e e) Política Agrícola Común.

O espazo rural é o territorio non urbanizado da superficie terrestre. Tradicionalmente foi, case en exclusiva, un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Non obstante, desde a década de 1970, introducíronse outras actividades, como as residenciais, industriais, de servizos, recreativas e paisaxísticoconservacionistas. Como consecuencia, o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo. 
  • a) A poboación rural 
A poboación ocupada nas actividades agrarias é escasa, existen diferenzas territoriais entre as baixas cifras de poboación agraria de Madrid e do País Vasco, en torno ao 1%, e os valores máis altos de Estremadura, Murcia e Galicia, superiores ao 8%. Pola súa banda, o envellecemento rural é máis acusado nas comunidades do interior peninsular. 

A causa principal foi o éxodo rural, entre 1960 e 1975. Despois, a crise económica desacelerou o éxodo rural e incrementou a actividade agraria a tempo parcial. As tendencias demográficas que se apuntan desde a década de 1990 son dobres: 
  1. - Unha continuación do descenso demográfico e do envellecemento nas áreas rurais máis desfavorecidas ( crecemento natural negativo, a emigración, a xubilación ). 
  2. - Certa recuperación e rexuvenecemento das áreas rurais máis dinámicas. Está relacionada co asentamento de inmigrantes, novas actividades en zonas rurais periurbanas e turísticas e coas subvencións europeas. 
  • b) As explotacións agrarias 
O descenso do seu número débese ao abandono de terras e a un proceso de concentración, por venda ou arrendamento. Esa concentración permitiu a elevación do tamaño medio das explotacións. O resultado é unha dualidade cada vez maior entre: 
  1. - Explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles.
  2. - Empresas agrarias, ben de particulares ben de sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles. 
O réxime de tenza establece a relación entre propiedade e explotación ou uso da terra. Pode distinguirse entre tenza directa (explotación traballada polos seus propietarios), arrendamento (se explotan terras alleas a cambio dunha renda anual) e parzaría (se explotan terras a cambio dunha porcentaxe da colleita). Na actualidade, un 70% das terras cultivadas mantéñense en tenza directa e tende a desaparecer o sistema de parzaría (só un 2% do total). 
  • c) Técnicas e sistemas agrarios 
As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960. As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios. As transformacións nos sistemas agrarios supuxeron unha crecente intensificación da produción e un paralelo aumento do rendemento. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización, o que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes son: 
  1. - Unha crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen meiores condicións competitivas, abandonando o resto. A substitución do policultivo polo monocultivo. 
  2. - Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas, manipuladas xeneticamente. 
  3. - Forte incremento da superficie en regadío, tamén provoca a sobreexplotación de certos acuíferos e crecentes conflitos pola auga. 
  4. - Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enarenado ou cultivo baixo plástico. 
  • d) Estrutura gandeira
 Nos últimos anos, coñeceu un notable desenvolvemento en España, e hoxe en día representa un 40% da produción final agraria. Grazas ao: 
  1. - Aumento da súa importancia económica ante o crecente consumo dos seus produtos.
  2. - Unha modernización das explotacións. 
  3. - Unha evolución das especies en función da súa rendibilidade. 
  4. - Menor dependencia das condicións naturais, ao aumentar a importancia da gandaría estabulada. 
A gandaría destínase hoxe principalmente á alimentación da poboación, o que va unido ao forte aumento do consumo de carne, leite e ovos. Iso supuxo, a miúdo, a substitución das razas autóctonas por outras de maior produción e por conseguinte, maior rendibilidade. 
  • e) Política Agraria Común (PAC) 
As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas: 
  1. - Escasa competitividade dunha parte dos produtos, que só poden ser rendibles para o agricultor grazas ás políticas de subvención e ao establecemento de prezos protexidos. 
  2. - Progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais españolas. 
  3. - Redución dos empregos agrarios debido aos procesos de mecanización e o abandono de terras pouco produtivas. 
  4. - Ingresos medios inferiores aos que obteñen os que traballan na industria ou nos servizos. 
  5. - Crecentes impactos ambientais ao aumentar a demanda de o uso, ás veces excesivo, de agroquímicos que contaminan solos e acuíferos. 
Desde a entrada na Unión Europea, a maioría das accións dirixidas á promoción do sector agrario español proveñen da Política Agraria Común (PAC) cunha serie de accións: 
  1. - Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos. 
  2. - Esixencia de redución de superficie, ou cotas máximas de produción. 
  3. - Apoio á forestación de terras agrícolas e á agricultura e gandería ecolóxicas. 
  4. -Axudas para a modernización das explotacións e a incorporación de mozos agricultores. 
  5. - Apoio á diversificación económica do mundo rural. 
  6. - Axudas especiais para áreas de montaña e zonas desfavorecidas. 
Pese a ser a clave que permite manter hoxe activas boa parte das explotacións agrarias, a PAC enfróntase a certas críticas: 
  1. - Absorbe parte importante do orzamento total comunitario, o que non corresponde ao peso relativo do sector. 
  2. - Supón un proteccionismo do seu mercado interior, que frea as posibilidades de que países do Terceiro Mundo exporten a el os seus produtos, moitas veces máis baratos.
  3.  - Como as axudas se vinculan ao tamaño da explotación, favorece unha partición moi desigual: só un 20% das exportacións repartiu o 80% das axudas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario