miércoles, 22 de marzo de 2017

Tema 7.1 .- Os usos do solo e a súa distribución: tipos e factores explicativos

“Os usos do solo e a súa distribución: tipos e factores explicativos”. - Tipos: terras labradas, prados e pastos, áreas forestais, restantes usos do solo. - Factores: condicións naturais (dominios atlántico, mediterráneo e subtropical e áreas montañosas e chairas) e estrutura da propiedade

Ata o século XIX, todos os países mantiñan un predominio do sector primario (o que inclúe as actividades agrarias e outras ligadas á extracción de recursos naturais, como a pesca e a explotación forestal), e boa parte da súa poboación activa dedicábase a obter alimentos e outros bens de primeira necesidade. Só entón, algúns países iniciaron un proceso de industrialización, que fixo que o sector secundario se convertese no máis importante dentro do seu territorio. 

Nas últimas décadas, os países desenvolvidos mantiveron a redución progresiva do sector primario, e agora tamén do secundario fronte ao rápido crecemento do sector terciario ou de servizos. Na actualidade o sector primario só dá emprego ao 4,5% dos ocupados en España, e xera unha proporción algo inferior (4%) do PIB; moi por debaixo do secundario (29% dos ocupados) e, sobre todo, do terciario (66%). 

De todos os xeitos, a produción final agraria é hoxe un 30% superior á de hai un cuarto de século grazas ao seu maior grao de tecnificación que permite aumentar a produtividade do traballo e, pese á perda de importancia dentro da economía española e a dos restantes países desenvolvidos, as actividades do sector primario aínda manteñen un gran valor estratéxico (autonomía alimentaria, achega de materias primas, manter poboación e emprego en áreas rurais, preservar o medio ambiente...). Por todos estes motivos, a Unión Europea mantén desde hai décadas unha Política Agraria Común (PAC), que busca a supervivencia desta actividade influíndo decisivamente sobre o sector agrario español. 

Tipos de usos do solo 

Os máis de cincuenta millóns de hectáreas do territorio español destínanse a diferentes usos, o que xera diversos tipos de paisaxes. A grandes trazos, identifícase catro grandes tipos de usos de solo: 
  • As terras labradas, ocupadas por diferentes cultivos, comprenden algo máis de 16 millóns de hectáreas (34% da superficie total). Esténdese, sobre todo, polas grandes cuncas e vales interiores, de relevo predominantemente chan ou ondulado (vales do Ebro, Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir), algunhas depresións interiores (Bierzo leonés, Baza e Guadix en Granada, Antequera en Málaga etc.) e o litoral mediterráneo. Son, en cambio, escasas tanto nas rexións do norte peninsular coma nas áreas de montaña e o arquipélago canario. Neste último, as condicións climáticas, topográficas ou a escasa fertilidade do solo dificultaron sempre a súa posta en cultivo, ou ben produciuse o seu abandono recente debido aos seus escasos rendementos ou á competencia doutros usos. 
  • Os prados e pastos ocupan uns 8 millóns de hectáreas (17% da superficie total). Están destinados á produción de herba para alimento do gando, e ocupan as áreas máis húmidas, topograficamente accidentadas ou con solos de pouca calidade para o cultivo. Pódense distinguir tres tipos de situacións: · As pradarías permanentes constitúen o uso máis característico do solo nas rexións de clima oceánico próximas ao litoral cantábrico, desde Galicia ao País Vasco, e están asociadas a unha importante gandaría bovina. · No oeste da Península Ibérica predominan os pastos estacionais, verdes nos períodos chuviosos, pero que secan no verán; isto permitiu manter unha gandaría máis diversificada (bovina, ovina e porcina) e de carácter extensivo. · Nos cumes das principais cordilleiras, onde desaparece o bosque polas baixas temperaturas e a pobreza dos solos, aparecen os pastos de altura, utilizados tradicionalmente por unha gandaría trashumante -principalmente ovina- que se traslada a eles no verán desde as terras máis baixas e cálidas. 
  • As áreas forestais, que se corresponden con bosques de especies caducifolias ou perennifolias, ocupan 15 millóns de hectáreas (32% da superficie total). A súa densidade é maior nas rexións máis húmidas, así como nas principais cadeas montañosas da Península e os arquipélagos, e son tamén as áreas menos transformadas pola acción humana. Permiten a explotación da madeira e doutros produtos complementarios (cortiza, froitos etc.), así como a súa utilización para a caza.
  • Os restantes usos do solo suman outros 8,4 millóns de hectáreas (que constitúe o 17% da superficie total). Nesta sección inclúense desde os terreos ermos improdutivos ata as áreas urbanizadas, as ocupadas por infraestruturas (como son aeroportos, portos, estradas ou ferrocarrís) e os espazos hídricos de auga doce e non mariños (lagos, ríos e encoros). 
Factores explicativos da distribución de usos do solo 

A distribución dos usos do solo en España vén determinada por varios factores: 

  • a) As condicións naturais: en España distínguense tres dominios: 
    1. · O dominio atlántico, de clima húmido, que conta coa presenza de prados e bosques. Esténdese polo norte e oeste peninsular, degradándose cara ao interior. 
    2. · O dominio mediterráneo, localizado no resto da Península e as illas Baleares. Caracterízase pola existencia dunha estación seca no verán, e mostra un predominio das terras labradas. 
    3. · O dominio subtropical, nas illas Canarias, que ten na aridez o principal factor limitante para os cultivos e o bosque, agás nas zonas que están expostas aos ventos alisios.
Outra división é a existente entre áreas montañosas e chairas. Nas primeiras, as condicións especiais de elevada altitude e pendente, solos pouco profundos e descenso térmico favorecen un uso do solo para pastos e bosques. En cambio, nas chairas a ocupación humana foi historicamente máis intensa, polo que predominan as terras cultivadas. Exceptúanse as penechairas occidentais, onde os solos son de pouca calidade, o que explica o seu uso para pastos e non para cultivos. 
  • b) A evolución histórica e a estrutura da propiedade
Na economía de subsistencia, cultivos, pastos e bosque complementábanse, poñéndose en uso a maior superficie de terra posible para asegurar a alimentación da poboación. O desenvolvemento da economía de mercado, desde hai máis dun século, conduciu ao abandono das terras de cultivo pouco rendibles e a súa substitución por pastos destinados a alimentar o cada vez máis demandado gando; tamén produciu a destrución de certos bosques compensada coa repoboación doutros, o que ocasionou cambios no mapa de usos do solo. 

Nos territorios dominados pola gran propiedade, eran habituais os usos extensivos con poucos rendementos por hectárea, e con investimentos de traballo e capital escasos, que os fan rendibles; hoxe en día moitas convertéronse en empresas capitalistas de alto rendemento. A pequena propiedade asóciase a usos máis intensivos do solo para poder subsistir con pouca terra, pero con maiores rendementos; algunhas pequenas explotacións hortofrutícolas ou baixo plástico xeran grandes ingresos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario