viernes, 27 de enero de 2017

Exercicio poboación sector primario

2.‐ Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) A que Comunidades Autónomas pertencen as provincias cunha porcentaxe >12% de poboación activa na agricultura (inclúe gandería, silvicultura e pesca)? (1 punto). 

As comunidades autónomas ás que pertencen as provincias cunha porcentaxe de máis do 12% de poboación activa na agricultura son Galicia, Castela e León, Castela‐A Mancha e Andalucía. 

b) Identifique o tipo de documento e expoña brevemente tres características demográficas e laborais desta poboación activa (1 punto). 

O documento é un mapa que representa España, coa zona peninsular e os arquipélagos canario e balear. Presenta unha escala gráfica e unha lenda; a fonte deste documento é o INE (EPA, Enquisa de Poboación Activa, do ano 2008). É un mapa de coropletas ou corocromático, sobre a división administrativa aparecen en cores as diferentes porcentaxes de poboación activa na agricultura. As características demográficas e laborais da poboación agraria representada son: 
- poboación avellentada; 
- con baixas taxas de natalidade e altas de mortalidade; 
- baixo crecemento vexetativo; 
- elevada importancia do emprego feminino con diferenzas segundo CCAA; 
- forte éxodo rural na segunda metade do século XX e procesos de inmigración en tempos recentes; 
- son unha minoría da poboación activa xa en todas as provincias; 
- alternan situacións de explotación en propiedade con arrendamento, dándose unha case desaparición da parcería;
- en xeral, é unha poboación de escasa cualificación técnica. 

c) Comente as causas xerais das diferenzas entre provincias (1 punto). 

Hai sensibles diferenzas entre provincias, derivadas do desigual proceso de desagrarización. Naqueles territorios onde hai escasa industrialización, sobre todo no interior peninsular, a poboación activa agraria representa unha maior porcentaxe. En áreas urbanas e industriais de gran desenvolvemento como Madrid, País Vasco, Cataluña litoral, Comunidade Valenciana e os dous arquipélagos, as taxas son inferiores ao 8% da poboación activa. Son estas as áreas máis afectadas pola política industrial do "desarrollismo". A desagrarización prodúcese en gran medida debido á mecanización das tarefas agrícolas. O crecemento do parque de maquinaria agrícola non deixou de incrementarse ao longo da última metade do século XX. A capacidade de innovación amosada por agricultores de certas áreas de alta produtividade (horta almeriense, onubense, murciana...) permite obter produtos de máis calidade, capaces de competir vantaxosamente nos mercados; isto explica as maiores taxas de poboación activa das provincias citadas. O réxime de propiedade pode condicionar a taxa de poboación activa agraria. Hai diferentes consecuencias: en provincias de predominio latifundista como Xaén e noutras de predominio hortícola minifundista como Almería, dentro da mesma comunidade autónoma, ostentan altas taxas de actividade. Outros condicionantes son de tipo físico: a dispoñibilidade de terreos de cultivo ‐tan importante na Andalucía interior, Estremadura e Castela‐A Mancha, xunto con terras de Aragón e Cataluña interior‐ facilita que algunhas das provincias destas áreas sexan as de maior especialización agraria; isto implica unha maior taxa de activos agrarios. A PAC (Política Agraria Común) potenciou diferentes tipos de agricultura, que afectou sobre todo á España mediterránea. Alí é onde subsisten as maiores explotacións cerealísticas e a horticultura mediterránea. 

d) Explique as consecuencias derivadas desas diferenzas e algunha posible solución de futuro (1 punto). 

As consecuencias derivadas da escasa poboación activa agraria poden ser: 
  • o despoboamento das áreas rurais e certo abandono da paisaxe agraria
  • incremento dos riscos ambientais; por exemplo, a posibilidade de incremento dos incendios forestais, control dos leitos fluviais, etc.
  • perda de autonomía alimentaria por parte do país
  • risco de perda da diversidade cultural propia das diferentes paisaxes, como consecuencia da uniformización dos monocultivos agrarios. 
Canto ás posibles solucións do sector cabe mencionar:
  • a necesidade de maiores investimentos para mellorar a situación económica da poboación agraria (sobre todo a través do financiamento público)
  • a obriga de maior capacitación agraria da poboación para facilitar o incremento dos seus recursos económicos
  • a potenciación doutras actividades económicas que contribúan globalmente a un desenvolvemento rural sostible
  • o fomento da agricultura ecolóxica e producións con denominación de orixe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario